Saturday 20 de April de 2024

A Consellaría comunica a suspensión do itinerario de Letras no CPI San Sadurniño a dous días do inicio do curso


En 4º da ESO, último curso do ensino obrigatorio, o alumnado ten a opción de escoller tres itinerarios: o de Letras, o de Ciencias e o de Matemáticas aplicadas. En San Sadurniño nunca houbo problemas para tirar por unha ou outra opción, aínda que non se xuntasen os grupos mínimos de 5 alumnos e alumnas que marca a Consellaría de Educación. Porén, de cara ao curso 2021-2022 a Xunta cambiou de criterio e xa lle comunicou á dirección do CPI que non se vai manter o itinerario de Letras por mor da baixa demanda -só dúas matrículas-, deixándolle á rapazada como únicas alternativas a de tirar polas Ciencias ou ben cambiar de centro. Segundo a Consellaría a decisión responde a unha resolución do pasado mes de xuño que, porén, se lles trasladou ás familias este luns, a tan só dous días do comezo do curso, co material xa mercado e coa urxencia de “buscarse a vida, literalmente”, tal e como indica o alcalde, Secundino García. O rexedor tentou contactar sen éxito coa Xefatura territorial para que recuase nunha decisión “que condiciona o futuro do alumnado, obrigándoo a estudar materias distintas ás que elixira ou a ter que marchar a Neda ou a outro centro, tendo que asumir ademais os custes do transporte”. Para mañá ao mediodía está convocada unha xunta de portavoces municipais coa finalidade de adoptar un posicionamento conxunto dos tres grupos sobre esta cuestión.

Nos últimos anos a Consellaría mantiña os distintos itinerarios malia non chegar ao mínimo de matrículas, sempre e cando houbese dispoñibilidade de horarios e profesorado. É a mesma situación que se daría no curso que empeza mañá. Porén, seguindo unha resolución do pasado 17 de xuño, a Inspección educativa informou á dirección do CPI San Sadurniño que neste 2021-2022 non se impartirán aqueles itinerarios que non cubrisen o cupo de 5 alumnos e alumnas, nomeadamente o de Letras. “A Xunta sabía desde xuño que ía ser así e esperaron para comunicalo a estar ás portas do inicio do curso, sen deixarlles marxe de reacción ás familias. E non só aquí, senón tamén noutras zonas rurais de Galicia. En dous días as nais e pais teñen que tomar a decisión de forzar os cativos para que pasen a Ciencias ou buscarse a vida, literalmente, para mandalos a outro centro onde si teñan itinerario de Letras, con todo o que iso implica de maiores gastos, xa que non terían transporte gratuíto e deberán mercar de novo libros e outro material escolar que lles pida o centro de destino”.

Secundino García incide en que “non estamos falando de optativas, senón dunha rama do ensino obrigatorio, unha escolla que marcará o futuro formativo da rapazada cando vaian para o instituto e no que decidan estudar despois. Por iso consideramos que a Xunta debería reconsiderar este cambio de criterio sobre como viña facendo nos últimos anos e manter os itinerarios aínda que non houbese matrículas suficientes. Ademais, facelo así penso que é unha discriminación positiva cara ao alumnado do rural e unha aposta firme polo ensino de calidade tamén en zonas coma a nosa, caracterizadas pola dispersión e a falla de crecemento demográfico “.

Alén deste argumentos, o alcalde tamén sinala que o CPI de San Sadurniño “ten profesorado, horas dispoñibles e interese para asumir un grupo reducido do itinerario de Letras, de maneira que tamén estamos falando de optimizar recursos educativos. A Xunta non ten escusa posible, salvo que detrás haxa unha intención política en tender á concentración do alumnado en cada vez menos centros de referencia”.

O rexedor tentou contactar coa Xefatura territorial para expoñerlles a situación. De momento non houbo resposta e, por este motivo, convocouse de urxencia para as 13:00h deste mércores unha xunta de portavoces municipais na que se abordará o caso, co obxectivo de adoptar un posicionamento conxunto e trasladarllo á Consellaría de Educación como demanda formal para o mantemento do itinerario eventualmente suprimido a día de hoxe.